Mostrando entradas con la etiqueta actividades. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta actividades. Mostrar todas las entradas

22 abr 2016

Semana do libro

O 23 de abril conmemórase o día do libro.No cole foron varias as actividades realizadas con motivo desta data. 

O mércores tivemos sesión de contacontos; Iago veu contarnos unha historia moi divertida que fala dun lobito bó e do seu tío, que lle quere aprender a ser un Lobo Feroz. Gustounos moitísimo!



O xoves recibimos un premio pola nosa participación no concurso literario que todos os anos convoca o Equipo de Normalización e Dinamización Linguística do centro. Este ano puxemos imaxe e son a un poema de Manuel María  titulado "A pita choca". Repartimos o traballo entre todas as aulas de Infantil e iste foi o resultado. Damos as grazas á profe Loida pola realización da montaxe. Seguro que vos gusta.



O venres, e para rematar a semana, foi o día do cruzamento de libros. Agradecemos a vosa participación, e agardamos que vos guste a actividade para continuar con ela durante os próximos cursos. 



24 feb 2016

A Lonxa


Gustounos moito a visita que fixemos á Lonxa. Á hora á que chegamos xa non quedaba peixe, pero Fernando, o noso guía, atopou algúns exemplares que puidemos observar. 
O que máis nos chamou a atención foi o forte olor a peixe que sentimos nada máis chegar. Unha vez dentro, limos un cartel que, entre outras cousas, informa de que está prohibido cuspir. Vimos tamén os carriños nos que se desprazan os traballadores, e sentimos o frío do xeo cando Fernando nos salpicou con el logo de amosarnos cómo caía dende un gran tubo pendurado do teito da nave.





5 feb 2016

Entroido Olímpico


Este ano o noso Entroido tivo un marcado aire olímpico, e é que dende a biblioteca Bulebule lémbranos deseguido que o 2016 é ano olímpico. 

No pasarrúas déronse citas diversas modalidades deportivas, entre elas a natación, a cargo dos nenos e nenas das aulas de cinco anos. Foi un divertido final para unha semana de troula na que os peques reviviron a moda dos anos oitenta e convertíronse tamén nos protagonistas das súas pelis favoritas.

Xunto coa degustación de productos típicos do Entroido, e como xa ven sendo habitual por estas datas, tivo lugar a entrega de premios do concurso de carautas. Este ano o gañador da nosa clase foi Gabi L. que participou cunha enooorme carauta na que moito tivo que colorear.
Noraboa, Gabi!!!  e grazas ao resto dos concursantes pola vosa participación; fixestes uns traballos moi bonitos e orixinais.





E, por suposto, grazas  unha vez máis ás mamás que colaboraron no desfile; grazas pola vosa axuda e pola vosa paciencia.

4 feb 2016

"Tristán Cara de Can"



Tristán estaba triste, así que decidiu regalarlle o corazón a un paxariño, pensando que así non sentiría nin tristeza nin nada. Dende ese momento, ademais de estar Triste, Tristán deixou de sorrir, e por iso agora todos lle chaman Tristán Cara de Can.

Pasamos un rato moi divertido con esta historia de comenzo triste e final feliz; risas e complicidade nunha obra de teatro xestual no que non fan falta as palabras para seguir o fío da historia.

Para os que sintades curiosidade, deixámovos a reseña que ofrece a compañía "Elefante Elegante" na súa páxina web.


11 ene 2016

Países





Por fin imos traballar no noso mapamundi!  Leva con nós dende o comezo do curso, pero ata o de agora non lle fixeramos moito caso; simplemente estaba ahí, e de cando en vez nos servía para situar algún país.

Hoxe falamos sobre os continentes; os grandes continentes que acollen a todos os países do mundo. A partires de agora, cada semana falaremos un pouquiño dun país diferente. Elexiremos aqueles que nos chamen máis a atención por algún motivo en particular (é o país dos nosos pais, é onde vive parte da familia, é un país ao que viaxamos, coñecémolo por algunha noticia ou por algún deporte ou algunha película, ...) e quen teña información sobre o país elexido poderá contárnola a todos os demais. Para comezar a viaxe hoxe partimos de España; onde iremos a vindeira semana???

18 dic 2015

Chega o Nadal


Como dicía algunha nena hoxe na clase "por fin chegou este día!". E é que o día foi moi especial. A media mañá fomos visitar aos RRMM, que pasaron a xornada no noso cole; démoslles os nosos debuxos e a cambio recibimos unha presa de caramelos e moita, moita ilusión. Ademáis, houbo sorpresa ás escuras, festa de Nadal e moito tempo de xogo. Aínda así, marchamos tan nerviosos como entramos, pensando en que se achegan días de festa, regalos e sorpresas.

Para todos vós, os nosos mellores desexos para o Nadal


25 nov 2015

De oficio... panadeiros!



Fotografía tomada da páxina web da Panificadora Pedro Fernández, Carral

Que ben o pasamos hoxe na panadería! 

Traballamos moito, e divertímonos un montón.

Nada máis chegar cambiamos os abrigos por mandís e gorros de panadeiros, e enseguida nos puxemos mans á obra: primeiro a fariña, logo a masa de pan para facer boliños, e por último chocolate para decorar o noso pan. 
Unha vez feitos os bolos houbo que metelos no forno, e namentras o pan se cocía nós merendamos... pan con chocolate!!! Riquísimo!

Pasamos unha mañá moi entretida; estamos certos de que o pan estaba boísimo, e agradecemos a todo o persoal da panificadora Pedro Fernández de Carral a atención que nos adicaron. Moitísimas grazas por compartir con nós o voso tempo e o voso oficio.


11 nov 2015

Samaín e Magosto

Coma todos os anos, ao comenzo do mes de novembro celebramos o noso Magosto na escola. Para empezar fomos ver como se asaban as castañas, con moito coidado de non tocar nas grellas, que queimaban demasiado.

Logo do recreo chegou o momento de probalas; estaban boísimas, e hai quen comeu a fartar.





E como xa é costume, despois de comer as castañas tivo lugar a entrega de premios do concurso de cabazas. Na nosa clase este ano resultaron gañadoras as presentadas por Paula e por Nerea. Noraboa ás dúas. 





Para rematar un día tan festeiro, nada mellor que un pouco de baile ao son do "Chipi, chipi, chipi". Todos á pista! 
A bailar!!!






E por suposto, unha vez máis agradecemos a vosa colaboración e participación. 




29 oct 2015

Contos polo Samaín


Esta foi a semana dos contos de medo, de bestas feroces e de bruxas. Para empezar, lembramos "corre corre, cabaciña!" que nos gusta moito; ao día seguinte a profe Laura convertíuse nunha bruxa que nos ensinou os alimentos que se gardan en "la cocina de la bruja" para cando chegan visitas; e hoxe houbo sesión de cine na biblioteca, onde vimos o terrorífico conto da "bruxa regañadentes". Cando rematou todos coincidiron en dicir que non daba tanto medo, pero o certo é que durante a proxección ninguén perdía detalle do que acontecía na pantalla.



Deixámosvos deseguido os contos para que os poidades desfrutar de novo cantas veces queirades.

21 oct 2015

Heroes Animados

 Afundación
Afundación

Foi unha exposición moi interesante a que fomos ver onte, e aprendimos moitas cousas nela. Laura e Natalia, as monitoras de Afundación, explicáronnos todo o que hai que facer para crear unha película de debuxos animados ou de bonecos con movemento, e son tantas cousas que agora entendemos porqué se tarda tanto tempo (ata tres anos) en crear unha.



Primeiro fomos no ascensor panorámico...
...logo participamos nun obradoiro de supernenos e supernenas...


...e por último desfrutamos da exposición.








9 oct 2015

Prensa, prensa!



Pois sí! A partires de agora todos os venres convertirémonos en reporteiros e reporteiras de prensa, e adicarémonos a comentar e traballar sobre algunha das noticias do día.

Ao comenzar as clases a profe Laura terá xa unha noticia seleccionada e preparada para todos nós. O que faremos será falar acerca dela, e, de paso, familiarizarnos con algúns conceptos relacionados co mundo da prensa. Titulares, pés de foto, tipos de noticias, ... pouco a pouco, de venres en venres, iremos comentando a actualidade e, como non!,  practicando a escritura. 

A noticia de hoxe falaba acerca dun niño de avespas asiáticas; preguntade aos vosos fillos, a ver que vos contan. A tarefa de hoxe consistía en pensar e escribir un titular adecuado. Fixéronno todos fenomenal!!!

6 oct 2015

Cartas que veñen e van


Hoxe tivo lugar o primeiro reparto de correspondencia do curso. Houbo que esperar a que todos tiveran carta, e por fin abrimos o buzón.
Para ser a primeira remesa non estivo mal, tendo en conta que se trata dunha actividade totalmente libre; xa temos claro que hai que escribir para quen é a carta, e tamén firmala por dentro, para que o seu destinatario saiba quen llela envía. Desta vez algúns foron debuxos máis que cartas, así que para a próxima haberá tamén que escribir algunha mensaxe. O cartel para o control de envíos volve estar preparado, e como lles gustou a idea, pronto teremos o buzón novamente cheo de bonitas mensaxes aos amigos.


30 sept 2015

Mochila Viaxeira


Hoxe inicia a súa andadura polas vosas casas a Mochila Viaxeira! 
A dinámica será a mesma ca no curso pasado: a mochila sairá da escola os mércores, e durante unha semana disporedes dela na casa. 
Agardamos que desfrutedes das propostas que vos envía bulebule, a nosa mascota da biblioteca, e agradecemos a voa colaboración nesta actividade que tanta ilusión lles fai aos vosos fillos/as.


18 jun 2015

Rematando o curso


Mañán remataremos este curso, e antes de despedirnos queremos compartir con todos vós algunhas das actividades nas que participamos nestes últimos días.

Finalizando o mes de Maio recibimos dúas visitas moi especiais: 

Por un lado, os nosos compañeiros os nenos e nenas  da clase da profe Loida, viñeron un día ata a nosa aula para contarnos un divertido conto que falaba de dez galiñas e os seus ovos de cores; fixéronno moi ben; gustounos moito e adicámoslles un forte aplauso a todos eles.



Por outra banda, recibimos tamén a visita de Jackie, o "can pirata". As súas coidadoras contáronnos a súa historia, e con ela recordamos o importante que é coidar e tratar ben aos animais.



En canto á nosa visita ao Museo de Belas Artes, ésta foi moi interesante. José falounos sobre os cadros, as súas temáticas, os seus tamaños, os útiles do pintor e do escultor... Contounos unha divertida historia na que se mesturaban diversas obras do museo, e antes de marchar fomos coñecer ao xigante do conto, do que nos despedimos antes de volver cara o bus.


Por último, hoxe mesmo tivo lugar no cole a entrega dos premios do concurso literario.


Coa merendola de mañán daremos por rematado este curso; agardamos que os vosos nenos/as desfrutaran con todas as actividades realizadas, e esperamos continuar con novas e interesantes propostas para o vindeiro curso escolar.



20 may 2015

Belelle


Tal e como esperabamos, pasámolo xenial na nosa visita á granxa -escola. No bus portámonos moi ben, e nada máis chegar, logo de tomar un lixeiro tentempié, comezamos a actividade. Foron cinco os talleres nos que participamos: obradoiro de pan, coidado de aves, observación de mamíferos, aula-invernadeiro e taller de equitación. Á metade da xornada descansamos para comer, e logo de novo á actividade. Acabamos tan cansos que máis de un ficou durmido no traxecto de volta no bus.


15 may 2015

Semana das Letras Galegas


Esta semana no cole adicámola ás Letras Galegas. Entre outras actividades, asistimos a un concerto na Universidade Laboral, onde, da man de Lydia Botana e os seus amigos, viaxamos arredor do mundo para coñecer outras músicas e instrumentos musicais dos que poucas veces escoitaramos falar (kalimba, didgeridoo, pau de choiva...)

Coma todos os anos, e para rematar a semana, o venres foi o día dos xogos populares; namentras os maiores de Primaria participaban na súa xincana, nós divertímonos moito xogando aos bolos e a rá, a pomba branca, pomba negra, ao pano por detrás, a carreiras de relevos e a lanzamento de aros. Por suposto, tamén houbo tempo para o baile. E como punto e final a esta festiva xornada, todos xuntos, maiores e pequenos, xuntámonos no patio cuberto para bailar a canción "o libro máxico" da agrupación teatral Migallas.


28 abr 2015

Hai correo!




Hoxe non faltou ninguén, así que por fin!!! estabamos todos e
por fin!!! puidemos abrir o buzón de correos e realizar o reparto.

Con moitos nervios fomos recibindo os envíos dos nosos amigos; todos recibimos carta, e todas elas  estaban cheas de bonitas mensaxes de cariño e amizade. 



Con moita ilusión gardamos os nosos "tesouros", e quedamos con ganas de repetir a experiencia, así que seguro que pronto teremos o buzón novamente cheo e haberá novas cartas para repartir.






23 abr 2015

23 de Abril...


...día do libro!!!

E un ano máis celebrámolo participando no "cruzamento de libros", actividade que xa levamos varios días esperando.



Por cada libro ofrecido para intercambiar recibimos un vale que hoxe puidemos entregar a cambio daquel libro que máis nos chamou a atención de entre todos os expostos.

Agradecemos a colaboración de todas as familias participantes, e esperamos que desfrutedes coas novas lecturas.


17 abr 2015

Cartas, cartas, cartas...




"Montado en su bicicleta,
un cartero jovial
llegó un buen día de lejos,
con sonrisa triunfal
y una carta para..."


Así comeza esta divertida historia; o carteiro fai as súas entregas aos habitantes do bosque, e sobre a sobre descobrimos cartas, publicidade, postais, comunicacións oficiais e tarxectas de cumpreanos.






Nós tamén queremos escribir cartas; temos un buzón de correos na clase, así que hoxe adicámonos a escribirlle unhas letras aos nosos compañeiros/as. Non é doado, e algúns necesitan axuda da profe, pero cun pequeno esforzo as cartas van enchendo o buzón. En canto estean todas abrirémolo,  e comezará o reparto.