17 jun 2016

Graduámonos!!!



Pois sí... logo de moitos preparativos, ensaios e nervos, por fin chegou o gran día!

Para nós foi un día especial; pasámolo moi ben, e esperamos que vós tamén desfrutarades desta xornada de celebración.

Pola miña parte, unha aperta enorme para todos: pais e nais, irmáns, tíos, padriños, avós e avoas... foi un pracer compartir con todos vós estes tres anos da vida dos vosos fillos e fillas. Agradezo a vosa colaboración e participación en todas e cada unha das actividades propostas, así como a confianza posta no equipo docente do que formo parte. 


En canto a este blog, quedará na web como un pequeno recordo das nosas vivencias no cole. Confío en que acadara o seu obxectivo, que sempre foi o de mantervos informados acerca do que andabamos a argallar na aula. 


Para "os meus nenos e nenas", un bico enorme
Seguirémonos vendo polo cole. 





22 abr 2016

Semana do libro

O 23 de abril conmemórase o día do libro.No cole foron varias as actividades realizadas con motivo desta data. 

O mércores tivemos sesión de contacontos; Iago veu contarnos unha historia moi divertida que fala dun lobito bó e do seu tío, que lle quere aprender a ser un Lobo Feroz. Gustounos moitísimo!



O xoves recibimos un premio pola nosa participación no concurso literario que todos os anos convoca o Equipo de Normalización e Dinamización Linguística do centro. Este ano puxemos imaxe e son a un poema de Manuel María  titulado "A pita choca". Repartimos o traballo entre todas as aulas de Infantil e iste foi o resultado. Damos as grazas á profe Loida pola realización da montaxe. Seguro que vos gusta.



O venres, e para rematar a semana, foi o día do cruzamento de libros. Agradecemos a vosa participación, e agardamos que vos guste a actividade para continuar con ela durante os próximos cursos. 



24 feb 2016

A Lonxa


Gustounos moito a visita que fixemos á Lonxa. Á hora á que chegamos xa non quedaba peixe, pero Fernando, o noso guía, atopou algúns exemplares que puidemos observar. 
O que máis nos chamou a atención foi o forte olor a peixe que sentimos nada máis chegar. Unha vez dentro, limos un cartel que, entre outras cousas, informa de que está prohibido cuspir. Vimos tamén os carriños nos que se desprazan os traballadores, e sentimos o frío do xeo cando Fernando nos salpicou con el logo de amosarnos cómo caía dende un gran tubo pendurado do teito da nave.





5 feb 2016

Entroido Olímpico


Este ano o noso Entroido tivo un marcado aire olímpico, e é que dende a biblioteca Bulebule lémbranos deseguido que o 2016 é ano olímpico. 

No pasarrúas déronse citas diversas modalidades deportivas, entre elas a natación, a cargo dos nenos e nenas das aulas de cinco anos. Foi un divertido final para unha semana de troula na que os peques reviviron a moda dos anos oitenta e convertíronse tamén nos protagonistas das súas pelis favoritas.

Xunto coa degustación de productos típicos do Entroido, e como xa ven sendo habitual por estas datas, tivo lugar a entrega de premios do concurso de carautas. Este ano o gañador da nosa clase foi Gabi L. que participou cunha enooorme carauta na que moito tivo que colorear.
Noraboa, Gabi!!!  e grazas ao resto dos concursantes pola vosa participación; fixestes uns traballos moi bonitos e orixinais.





E, por suposto, grazas  unha vez máis ás mamás que colaboraron no desfile; grazas pola vosa axuda e pola vosa paciencia.

4 feb 2016

"Tristán Cara de Can"



Tristán estaba triste, así que decidiu regalarlle o corazón a un paxariño, pensando que así non sentiría nin tristeza nin nada. Dende ese momento, ademais de estar Triste, Tristán deixou de sorrir, e por iso agora todos lle chaman Tristán Cara de Can.

Pasamos un rato moi divertido con esta historia de comenzo triste e final feliz; risas e complicidade nunha obra de teatro xestual no que non fan falta as palabras para seguir o fío da historia.

Para os que sintades curiosidade, deixámovos a reseña que ofrece a compañía "Elefante Elegante" na súa páxina web.